Wednesday 08 de May de 2024

As familias numerosas do Concello pagarán menos IBI tras aprobarse en pleno bonificacións do imposto


• A proposta, levada ao pleno ordinario celebrado este xoves, foi aprobada por unanimidade

A corporación municipal de Laxe aprobou este xoves por unanimidade, en pleno ordinario, a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás familias numerosas.

Durante a sesión, que se celebrou no Salón de Plenos da Casa do Concello a partir das 21:00 horas, acordouse modificar a ordenanza fiscal número 1 pola que aquelas familias numerosas, e que conten documento acreditativo, con propiedades inmobiliarias no municipio paguen menos IBI en función do valor castastral das súas propiedades.

Na categoría xeral, se a cantidade oscila entre 0 e 60.000 euros, recibirán unha bonificación do 60%; entre 60.000,01 e 100.000 euros, un 55%; un 50% se o valor se sitúa entre 100.000,01 e 150.000 euros e, no caso de superar os 150.000 euros, bonificarase un 40%. No caso da categoría especial, bonificarase un 80%, un 70% un 60% e un 50%, respectivamente.

O rexedor, José Luis Pérez Añón, sinala que esta rebaixa “é algo positivo para as familias numerosas da localidade sobre todo neste contexto económico actual”.

Por outra banda, tamén se aprobou seguir contando co mantemento provisional dos servizos de orientación laboral entre os Concellos de Laxe e Zas.